Manuel Sánchez Salorio
A fama é o conxunto de errores que se acumulan arredor dun nome. Está en Rilke. E si agora o traio aquí é porque o texto reflicte de xeito case perfecto a situación na que me atopo. A de quen recibe e acepta compracido unha distinción da que non se considera merecente. ¿cómo se pode saír desa especie de contradición? Pois como sempre: recoñecéndoa. No Guzman de Alfarache pode lerse: “a buenas obras pagan buenas palabras cuando el deudor esta necesitado y sin moneda”. Iso quixeran ser agora as miñas verbas: moedas coas que pagar unha débeda. A contraída en primeiro lugar con quen me concedeu a honra e a distinción desta medalla: o Goberno de Galicia. Grazas, pois, ao seu benquerido e respectado Presidente. Pero grazas tamén a tódolos que a fixeron posible. A Helena por tantas horas roubadas e pola súa elegancia en asumilo. E a todas e todos aqueles que compartiron comigo traballo e ilusións no Hospital e na Universidade. E aos que os seguen a compartir no Instituto Galego de Oftalmoloxía. E, por enriba de todo, grazas aos doentes. Porque, ben mirada, a enfermidade é unha fonte de sabedoría. E porque antes que ningunha outra cousa, todos nós somos e queremos seguir sendo médicos.
E agora chega outra cuestión: ¿De onde me ven o agradecemento pola concesión de esta medalla? ¿cales son as súas causas, os seus “mecanismos”? Penso que algo ten que ver con aquilo que no catecismo do padre Astete se chamaba a vaidade e que agora lle dicimos autoestima. E iso é así porque para funcionar no día a día todos precisamos dispoñer de lugares, de fontes, onde “chupar enerxía”. E, para algúns entre os que me conto, unha desas fontes é o recoñecemento que recibimos dos demais. Bioloxicamente nacemos un día e nun lugar. Socioloxicamente nacemos tódolos días na mirada e no afecto dos demais. En nome do meu Ego, hoxe supergratificado con todo este rebumbio da medalla, de verdade, moitas grazas.
Pero penso que o meu agradecemento ven, sobre de todo, doutra fonte menos doada de explicar. Tratase de algo así como unha iluminación. Desde que tiven noticia da concesión desta medalla ando a revisar cara atrás toda a miña vida. E moitos sucesos que aparecían por alí como feitos illados agora están unidos por un fío condutor. Dáme a impresión de que moitas das cousas que fixen estaba a facelas preparando este momento. Este momento en que estou aquí, diante de todos vos, no uso do don e da liberdade da palabra. Recibindo o ouro de Galicia. Vivindo unha emoción que solo podo expresárvola recurrindo a unhas verbas emprestadas:
Galicia en mín, meu Deus, pan que me deron
leite e centéo e sono e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
i esta crus que nos mide de alto a baixo.
Vou rematar. Pero no aire anda voando aínda unha pregunta: e despois da medalla, qué? Que é o que vai pasar? A resposta chega desde ben lonxe. William Shakespeare, King Lear, acto primeiro, escena cuarta. El-Rei Lear pregunta a Kent: en qué ides ocuparvos? E Kent contesta: En non ser menos do que vos parezo. Penso que iso vai ser a miña vida mentres dure. O intento de non ser nunca menos do que hoxe vos teño parecido.
E tamén por ese desafío, de verdade, «moitísimas grazas»
Descargar pdf, La Voz de Galicia, «Palabras i emocións no cumio do gaiàs»